Friday 19 de April de 2024

Gran participación na terceira edición da Feira da Carballeira de Brión


Gran participación de veciños e veciñas de Brión, así como chegados de municipios veciños, na terceira edición da Feira da Carballeira, que ten lugar hoxe sábado 18 de setembro, de 11:00 a 19:00 horas, na carballeira de Santa Minia. O tempo acompañou e, salvo un pequeno susto xusto antes de comezar, o sol animou a moita xente a achegarse ata a carballeira, entre os que se atopaba o alcalde de Brión, Pablo Lago Sanmartín, quen aproveitou para facer algunhas compras.

Organizada polo Concello de Brión e a asociación Daquí Darredor, conta coa participación dunha vintena de postos de produtos de horta, artesanía, segunda man, doces e empanadas, conservas, zumes, ungüentos, amigurumi… e mesmo un posto solidario coa campaña “Tu ayuda = Mi Ilusión”, que busca recadar fondos para que o neno Matías Rei pois realizar un tratamento intensivo en Nipace Guadalajara o vindeiro mes de outubro.

Ás 11:00 horas, coincidindo coa apertura da Feira, tomaron a saída as 40 persoas inscritas na andaina teatralizada “Déixate levar.. á Batalla de Altamira”, organizada pola asociación Déixate Levar e que tiña un percorrido de 12 quilómetros. Durante a mañá, na carballeira de Santa Minia tivo lugar un obradoiro de elaboración de xabóns tradicionais (12:30 horas) e unha cata de produtos de temporada (13:30 horas). Moitos dos asistentes están aproveitando tamén para xantar na polbeira que participa todos os martes na Feira de Brión e que non quixo faltar á cita de hoxe.

Para esta tarde están programadas unha sesión de contacontos e outra de cociña ao vivo. A Feira da Carballeira pecharase cunha foliada, se ben algún dos grupos participantes xa estivo tamén animando a feira durante esta mañá.